A distribución da xornada establece unha alternancia entre períodos tranquilos, esenciais para crear un clima de seguridade, e outros momentos que favorecen situacións novas, os cales provocan o espertar da curiosidade dos infantes, potenciando unha actitude permanente de descubrimento.
A organización do tempo é moi flexible para adecuarse ao ritmo de actividade descanso das nenas e nenos e está rexida polos seus ritmos biolóxicos.
A vida sosegada permite ofrecer uns coidados de calidade en relación ao apego, hixiene, comida e sono.
No noso devir diario sempre están presentes momentos de movemento e xogo libre, o contacto coa natureza, a lectura de contos, as rimas, os xogos bailados e a arte.
Promóvese a motivación interna das nenas e nenos coa finalidade de favorecer a súa autonomía e, polo tanto, na xornada diaria, destacan actividades de vida práctica, relacionadas co coidado persoal, o coidado da contorna, o control do propio corpo e nocións básicas de graza e cortesía.
Concédese moita importancia aos rituais para dar paso de actividades de expansión ás de concentración. Isto permite que os infantes poidan recoñecer de modo anticipado o que vai sucedendo no día, o cal lles transmite seguridade e desfrute, provocando un desexo de participación.