As casas niño defínense como un modelo de atención á infancia de cero a tres anos que ofrece un servizo de atención integral e personalizada a un máximo de cinco infantes, reducíndose a catro no caso de que un deles presente necesidades específicas de apoio educativo.
Constitúen un recurso con carácter gratuíto e as persoas usuarias que asistan a dito servizo deberán estar empadroadas no concello no que se ubique a CASA NIÑO ou nun concello limítrofe, sempre e cando non exista no mesmo ningún recurso de atención á infancia para este tramo de idade.
A atención que presta a persoa propietaria da CASA NIÑO non inclúe a preparación de alimentos, pero si o quentamento dos mesmos e tamén actividades de hixiene e outras de tipo educativo. Todo o material relacionado coa hixiene non é responsabilidade da titular, serán as familias as que deban facer dita achega.
Requisitos
Das titulares
Deben acreditar un correcto estado de saúde.
Posuír algunha das seguintes formacións: técnico superior en educación infantil, grao en educación infantil ou primaria, educación social, psicoloxía ou pedagoxía.
Deben establecerse como empresarias autónomas ou cooperativa de traballo asociado.
Xerais
A CASA NIÑO debe ubicarse nun concello de menos de 5000 habitantes.
Dispor dun plan de actuación para atender eventuais emerxencias.
Ter contratada unha póliza de seguro de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes.