A CASA NIÑO O BICARELO nace co obxectivo de ofrecer unha óptima calidade educativa, baseándose na investigación e a innovación e coa finalidade de contribuír ao desenvolvemento integral en todas as súas dimensións: física, emocional, sexual, afectiva, social, cognitiva e artística.
Conforma unha opción real para unha educación máis consciente, un recurso con carácter plenamente educativo que contribúe á conciliación da vida familiar e laboral, constituíndo un servizo de calidade, xa que se desenvolve en grupos reducidos e nun ambiente familiar.
Fomenta, ademais, a dinamización da contorna, a dignificación da vida rural e a defensa da identidade colectiva.
O Bicarelo é un lugar de xogo, de comunicación, un espazo que permite o goce dos infantes, deseñado de modo reflexivo para facer posible unha existencia feliz. Configura, ademais, un centro para as relacións sociais entre nenas e nenos, familias, educadora e tamén coa sociedade. Un espazo para compartir, respectar, amar, acompañar e, sobre todo, poder ser.
Os piares que conforman a base ideolóxica do proxecto son ecoloxía, dignificación da vida rural, vida sosegada, crianza familiar, igualdade de oportunidades, apego, liberdade, solidariedade, cooperación, diversidade e amor á nosa cultura, lingua e tradicións.
Referentes
Algúns dos referentes pedagóxicos do proxecto son Pestalozzi, Montessori, Freinet, Loris Malaguzzi (Reggio Emilia), Emmi Pikler (Lòczy), Rebeca Wild e Mauricio, Howard Gardner, Elinor Goldschmied, dado que comparten características pedagóxicas:
• Céntranse nas necesidades e intereses das nenas e nenos respectando as súas etapas evolutivas
• Consideran imprescindible a actividade autónoma dos infantes, que nace da súa propia espontaneidade, así como da súa curiosidade natural